16 abril 2008

Hoxe celébrase o Día Mundial do Ruído


Os cidadáns dos países con certo nivel de desenvolvemento vivimos inmersos nun mundo cheo de ruídos, que parecen xa inseparables da nosa vida cotiá. O problema é ata certo punto universal aínda que hai notables diferenzas de grao entre uns países e outros. O noso, por exemplo, é o segundo máis ruidoso do mundo, só superado polo Xapón.

Considérase comunmente o ruído como unha "molestia", ás veces como unha grave molestia. Pero é moito máis que iso: a partir de determinados niveis pode constituír unha seria ameaza para a saúde (perda progresiva de audición,alteracións da presión arterial, do ritmo cardíaco, provocando estados de tensión e irritabilidade que afectan negativamente á capacidad de concentración, ás relacións interpersonais, á produtividade, á sinistrabilidade laboral e a os accidentes de tráfico), un freo ao desenvolvemento económico e social, e unha vulneración dos dereitos fundamentais da persoa.

E isto ocorre nun país no que a Constitución protexe expresamente o dereito á intimidade persoal e familiar, e o de gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, e encomenda aos poderes públicos o tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas necesarias. Nun país onde o Código Penal castiga con penas de ata 4 anos de prisión aos que realicen emisións de ruídos que ocasionen risco de grave prexuízo para a saúde das persoas.

Padecemos esta situación porque estamos nun país onde é tradicional que as leis non se cumpran, onde os cidadáns non esixen o seu cumprimento e onde as autoridades non se responsabilizan de facelas cumprir.

Facemos, pois, un chamamento a todos os cidadáns. A que cada un de nós respete os dereitos dos demais e defenda os seus. A que sexamos conscientes de que está en xogo a nosa saúde e a nosa pacífica convivencia. E a que as nosas autoridades cumpran coas súas obrigacións.

1 comentario:

Virtu dijo...

Habrá que guardar un/dos/tres... minutos de silencio al día por el ruido.