09 mayo 2008

A figura do sereno volve á cidade


Hoxe lendo esta noticia en La Voz de Galicia, leveime un pequeno susto, pensando que, como xa comentei noutra entrada do blog, tanto estudo sobre o mapa lumínico levaríanos outra vez a tempos pasados, cando as luminarias públicas eran a gas e eran os serenos os que se encargaban de acendelas, ao mesmo tempo que anunciaban a hora a viva voz. Pero non, agora a figura do sereno modernizouse. Está previsto, por parte do concello, que se encarguen da vixilancia nocturna de rúas comerciais, véxase como exemplo a rúa Barcelona (como suxestión poderían estendelo a centros comerciais abertos, como o do Ventorrillo).

O pequeno comercio coruñés considera que a reactivación da figura do sereno viría servir de apoio ou reforzo da atención cidadá nocturna, xa que, á marxe de exercer certa función disuasoria ante posibles accións contra a propiedade, podería encargarse de colaborar cos bombeiros, servizos sanitarios ou axentes policiais ante calquera incidente, e prestar axuda aos veciños que sufran algún tipo de urxencia ou necesiten información acerca da localización de servizos ou rúas. A iso sumaríase o seu papel como voz de alerta de danos no mobiliario urbano, en escaparates ou cerramentos de locais, portais e vehículos.


Os representantes dos comerciantes consideran que a prestación deste servizo podería, ao tempo, servir como medida de reactivación do emprego en colectivos con dificultades, en concreto os parados maiores de 45 anos. Para iso, a solicitude dos minoristas baséase en que o Concello encárguese de formalos nas funcións que van desempeñar, para o que non sería necesario máis que un programa básico de resposta ante incidentes, que, consideran os empresarios, poderían asumir funcionarios da propia policía local.

No hay comentarios: