06 mayo 2008

Telefónica cobrará pola identificación de chamada aos clientes que non teñan ADSL


Telefónica incrementará o prezo da factura aos clientes que non teñan ADSL. A partir do 10 de xullo a compañía cobrará 0,58 euros polo servizo de identificación de chamada. Para FACUA-Consumidores en Acción trátase dunha "subida encuberta do 3,6% da cota mensual", a asociación de consumidores considera que se trata dunha "imposición ao consumidor e ao usuario por un servizo non solicitado e configurado por defecto". Desde Telefónica desmenten esta acusación e aseguran que para ofrecer o servizo de identificación de chamadas é indispensable o consentimento do cliente para facilitar o seu número.

Na última factura Telefónica incluíu un anexo no que avisa aos clientes sobre a medida que se fará efectiva dentro de dous meses: "Informámoslle de que a partir do próximo 10 de xullo de 2008, o Servizo Identificación de Chamadas que vostede ten contratado, terá unha cota mensual de 0,50 euros -prezo sen IVE-. Ademais, informámoslle de que ten á súa disposición paquetes de servizos como ADSL, DÚO, TRÍO, que inclúen este servizo de forma gratuíta". FACUA sinala que a compañía telefónica non pode escudarse en que os usuarios teñen dereito a desactivar o servizo de forma gratuíta, xa que Telefónica debería partir de cero. É dicir, que a compañía dea de baixa a todos os usuarios para que eles decidan máis tarde se desexan activalo e pagar por el.

Segundo datos facilitados por FACUA, a medida afectará a unha parte dos 7,1 millóns de usuarios -o 61% dos seus clientes- que non teñen contratados servizos de ADSL da compañía. A asociación de consumidores asegura que "hai que ter en conta que non todos dispón do servizo de identificación de chamadas, xa que iso vai en función das centrais das que dependen as liñas". Con todo, Telefónica asegura que a medida afectará a 2,1 millóns de clientes, que son os que non teñen contratados o servizo ADSL. A compañía tamén afirma que quedarán exentos do pago desta cota algúns clientes que teñen contratada a modalidade de Tarifa Plana de Voz.

A cota de abono mensual de Telefónica é de 16,21 euros mensuais (13,97 euros máis IVE). Co suplemento de 0,58 euros, subiría un 3,6%, que se sumaría ao 2% que aumentou o pasado xaneiro.

1 comentario:

Nat dijo...

Es que los de Telefónica no se cortan un pelo. >_____<