29 abril 2011

Marcos Lema, candidato de CONVERXENCIA XXI responde á nosa enquisa

El otro día le remitimos al partido político Converxencia XXI una pequeña encuesta, y su candidato Marcos Lema nos ha contestado.

Le deseamos mucha suerte en los próximos comicios, deseándole que se cumplan sus expectativas electorales.

¿En qué barrio vive da nosa cidade?
Son un orgulloso elviñés. Levo toda a vida vivindo na avenida Salvador de Madariaga, na 1ª fase de Elviña.
Defina en tres palabras o proxecto do seu partido para A Coruña.
Eficiente, moderno e responsable.
Eficiente, porque cremos que un político, un alcalde neste caso, é principalmente un xestor. Os cidadáns cada 4 anos préstanlle o voto a un señor e o seu equipo, que se van encargar de xestionar os recursos que pagamos entre todos. Para nós, por tanto, é fundamental a eficiencia dentro da administración pública, que garanta un mellor aproveitamento dos recursos que cedemos todos do noso peto.
Moderno. Un proxecto que naceu hai dous anos en boa medida a través de internet, ten que ser moderno á forza. A nosa comunicación interna de partido (avisos, dúbidas, convocatorias etc.) é a través de internet. Ademais, eu con 25 anos son o candidato máis novo da cidade. Pero aparte diso, imos volcar a cidade á nova economía, os sectores I+D+i, Wi-Fi gratuíto en puntos públicos como prazas etc., unha administración completamente electrónica, que reduza custos, tempos de espera e sexa máis eficiente. A nosa cidade e toda Galicia ten que enganchar co tren da modernidade para adaptarse ao mundo do século XXI. É algo que en Converxencia XXI temos claro.
E a última definición sería responsable, porque como dicía, un xestor que manexa tal cantidade de diñeiro, público neste caso, ten que aportar responsabilidade á administración pública que dirixe ou vai dirixir.
¿Cales son os proxectos para o barrio do Ventorrillo?
O barrio do Ventorrillo ten dous principais problemas ao meu entender: o problema da inseguridade, relacionado como todos sabemos coa crise social existente no poboado chabolista de Penamoa, e a falta de conexión co resto da cidade.
Penamoa parece que ten os días contados, non porque desde a administración desenvolvesen políticas para solucionar o problema, senón a causa dunha autovía de circunvalación que xa debería estar feita hai polo menos 5 anos. Tamén hai que ter en conta, que o tema do chabolismo en Penamoa é un tema difícil de tratar. Pero o que non se pode é ter o maior mercado de droga do Noroeste da Península tantos e tantos anos en pleno funcionamento. Agora parece que xa ten os días contados. En todo caso, é importante que o comercio e a vida diaria dos cidadáns do barrio do Ventorrillo teñan garantía de seguridade e se poidan desenvolver con normalidade, e isto, aparte de solucionar o problema do chabolismo, ten que garantirse mediante unha maior presenza das forzas de seguridade.
Logo hai outro problema. O Ventorrillo está dentro do casco urbano, aínda que funciona como un barrio separado do resto da cidade. O barrio está dividido pola Ronda de Outeiro, Avenida de Fisterra (que vai dar a un polígono industrial), e para atrás ten zona rural e un poboado chabolista. O repto está en integrar este barrio na cidade, abrir o barrio ao resto da cidade. E coa construción da 3ª ronda, dar un eixe de expansión que rexenere o entorno.
A falta de aparcamento é unha das nosas queixas principais, ¿cómo nos daría solución?
Aínda que soe repetitivo, o transporte colectivo daría moitas solucións a este tipo de problemas. Pero como dicía na anterior pregunta, ese futuro eixe de expansión cara a Terceira Ronda e San Pedro de Visma, tería que vir da man dun urbanismo responsable, con menos densidade e con numerosas prazas de aparcamento en superficie, como temos por exemplo aquí en Elviña.
¿A favor ou en contra da ampliación de Alvedro?
A ampliación de Alvedro está aprobada e vaise facer. Esperemos que a partir dese momento comece a ser rendible. De todas formas, o sistema aeroportuario galego, como está deseñado actualmente, non ten futuro. Non pode haber un aeroporto (pequeno e con parecida oferta) cada 50 kms como acontece en Galicia.
Levamos 28 anos co problema enquistado de Penamoa. ¿Qué faría vostede se gobernase a partir do 23 de Maio?
En Penamoa apenas quedan xa unha decena de familias. Do que queda do poboado aínda, seguir traballando cos técnicos de servizos sociais e sobre todo manter unha vixilancia policial máis reforzada nesa área.
¿Cántos afiliados teñen na cidade da Coruña?
Este tipo de información está reservada aos propios afiliados. De todas formas, o que si podo dicir é que A Coruña é o terceiro municipio de Galicia onde Converxencia XXI ten maior número de afiliados. Estamos en pleno proceso de expansión, e nunca lle diremos que non a calquera que queira unha Coruña e unha Galicia mellores, máis nosas.
¿Pensa que poden convivir tantos centros comerciais xuntos aos máis débiles como o pequeno comercio?
Eu diría que si, pero hai que explicalo. En todo caso, os centros comerciais son inversións privadas, e non sería traumático que algún pechase, porque cando os abriron tiveron ocasión de facer completos estudos de mercado e saber das súas posibilidades. Aínda así, está por ver que cerre algún.
Pero o pequeno comercio non pode competir de tu a tu cos grandes centros comerciais. Ten que diversificarse e especializarse. Ao fin e ao cabo, os centros comerciais sempre ofrecen o mesmo tipo de tendas (grupo Inditex, H&M, Springfield...) e é ai onde o pequeno comercio ten que innovar.
Dende a administración o único que podemos facer é facilitarlle as cousas aos emprendedores, ao pequeno comercio, e Converxencia XXI vai incidir moito na conxelación e incluso rebaixa dos impostos e taxas municipais, algo que é central no noso programa. Somos en contra de subvencionar directamente, porque estás restando competitividade, pero si estamos a favor de que alguén con ganas de emprender, de formar un negocio, teñas as maiores vantaxes fiscais para levar adiante o seu proxecto.
O pequeno comercio coruñés leva moito avanzado en moitos aspectos, pero cremos que necesita outro empurrón máis para posicionarse mellor neste mercado cada vez máis competitivo.
Este mesmo debate tivemos na cidade, que eu sei de oídas porque aínda acababa de nacer, pero cando construíron El Corte Inglés, Alcampo, Continente etc. Realmente puido afectar ao pequeno comercio daquela época, pero despois dun tempo de reaxuste este volveu reforzado. Na miña opinión, debería acontecer algo similar agora. De todas formas, non pode ser que rúas que non están estritamente no centro da cidade, como a rúa Barcelona, te cobren 3.500 euros de aluguer. Así é moi difícil sacar un negocio adiante.
¿Qué opina do botellón e qué faría ao respecto?
En todos os conflitos hai polo menos dúas partes implicadas. Neste caso está a xuventude, que se reúne para consumir alcol e socializar, e polo outro os veciños, que teñen dereito a descansar tranquilos. Eu, como xoven de 25 anos pero o suficientemente maduro, comprendo a ambas partes.
A solución podería pasar por acoutar áreas específicas onde estivera permitido o consumo responsable de alcol na rúa, lonxe de áreas onde se puidese molestar aos veciños. De todas formas, sempre queda esa dúbida moral de permitir a mozos e mozas que aínda non teñen os 18 anos beber de forma irresponsable. En Pontevedra, por citar algunha cidade galega, teñen unha zona específica para o "botellón", onde o recinto feiral. Non sei se é a mellor solución, pero todo é cuestión de estudalo.
10º A primeira decisión que tomaría ao chegar á Alcaldía.
A primeira medida vai ser facer público o estado financeiro real do concello, se é necesario cunha auditoría externa, para saber con que recursos contamos e podelos xestionar mellor.
A materia económica e fiscal é un dos nosos puntos fortes do programa, e tamén onde máis nos diferenciamos do resto de partidos.
Para finalizar quixera agradecer profundamente ao blogue do Ventorrillo a oportunidade sincera que me brindaron para dar a coñecer o proxecto de Converxencia XXI na cidade da Coruña. Unha aperta moi grande!

No hay comentarios: